Presentouse no Sporting Clube Casino da Coruña o poemario -A Rosalía in memoriam- de Norma González Peralta.
Rosalía de Castro, escritora galega universal. Posiblemente a personaxe con quen máis nos identificamos os galegos polo seu profundo sentimento de perteza ao país, e pola súa visión socialmente crítica como intelectual, sempre ao lado dos máis débiles. Muller concienciadora e reivindicativa; en moitas das súas creación literarias están presentes a independencia e a igualdade das mulleres, o cal a converte nun referente importante do feminismo. Ela é quen de transformar unha lingua desestimada, en lingua escrita, en lingua de Arte.
Norma González Peralta decátase desa -luz interior- que habita o “eu poético” de Rosalía, ese latexo vital para percibir o mundo dende a fondura do alto voo que ten a súa voz.
Polas páxinas de -Rosalía in memoriam- deambulan as sombras (ás veces a “negra sombra”) que aflixe o pensamento rosaliano, outras son as luces…unhas e outras fan un xogo de espellos e labirintos que dan como resultado unha obra poderosa, chea de incertidume e autenticidade.
Non é doado recoller o celme, o alento do “eu lírico” de Rosalía, escoitalo con rigor ata establecer un diálogo lúcido dende outro -eu poético-, neste caso o da propia Norma González.
A poeta captura ese vento libre que habita os versos rosalianos que non os consume o tempo…E faino cun ritmo interno propio, elegante e sincero coma se fora un murmurio de paxaros fosforescentes que atravesan o espírito de esperanza dunha nova ollada.