Os dous, somos eu (Imaxe - Vari Caramés)





                                                                                                    Imaxe: Vari Caramés.
 
                                                                


                                                                          OS DOUS, SOMOS EU.

                                                                              - ELA -
     
                 A vida ai! é un préstamo e a morte un retorno (Ho Xuan Huong)

Hoxe, no silencio, os meus oídos non escoitan as túas pegadas. Hoxe e hai tres días, cinco horas e dezasete minutos que aquí me falta todo. O día está baleiro...
Ocupas o reverso da miña estática vida. Ti respiras o mundo e eu, ao través da fronteira do teu corpo. Hoxe é unha folla seca, un matiz perdido. Estou preocupada, xa que avanza o día e a faciana da rúa está espida de sons, o tempo é unha pedra. De súpeto, a vea aberta do meu corazón agochado latexa! Na distancia escoito unhas pegadas, acaso sexan as túas!
Non se achegan, pola contra, semellan afastarse... Que foi daquela xente, daqueles paxaros, que foi de ti...?
Onte, cando chegaba o crepúsculo, descolgouse unha araña, curiosamente non me sentín alarmada. Charlamos longo tempo sobre a miña vida e mais o efémera da súa. Logo continuou a súa viaxe, ía na procura de capturar o tremor do vento. Pareceume un tanto desproporcionado o seu propósito...Porén, quen son eu para xulgar os soños dos demais?
No espello da noite, cando a soidade arde e queda desmantelado o andamio do día, a túa sombra e mais eu bailamos ao ritmo dunha canción francesa, esa melodía que fai que sucumbamos ao resío da noite, reflexo oculto da miña ollada. Na escuridade vexo máis intensamente!
Calada, pero non submisa! Darei a orde de tocar música de baile para beber a noite. Farei que estale sobre a rúa a inmensidade da néboa para que nos envolva coma un veo protector. Será a nosa respiración o único son que se escoite, o pretexto para esvarar sobre unha superficie transparente. Mentres brindamos, medra a noite...
Douche unha hora, se non apareces, conseguirei que che rifen as nubes e as pombas...



Olga Patiño Nogueira
(Marzal-6-2020)