A vertixe da sombra (Imaxe - Fidel Vidal)

                                                  Fidel Vidal

 

A VERTIXE DA SOMBRA

 

Avanzada a noite e á hora prevista, a sombra reflíctese nas paredes do cuarto nunha dirección precisa. Ela, a sombra, tiña unha certa fixación cun ángulo en concreto; detíñase nel e levantaba unha copa con burbullas. Durante un curto período de tempo chegou á miña vida con certa asiduidade. No escuro baleiro non deixaba de ser unha compañía fortuíta, que se agradecía. É o que ten a soidade extrema. Mentres permanecía na estancia, a noite ficaba queda. Pola contra, a atmosfera impregnábase dun recendo de veas ardentes…

Ás veces, sinto a necesidade de cinguir a silueta movediza dese espectro, e darlle calor.

Ás veces, quédome soa coa miña alma… O ceo derrúbase e a terra arde!

                                                                         

                                                                            Olga Patiño Nogueira

                                                                                (A Coruña, 21-1-2021)